Óscar Benito, presentador do En Xogo da TVG | Fonte: crtvg.es
Óscar Benito, presentador do En Xogo da TVG | Fonte: crtvg.es
ALEJANDRO VÁZQUEZ CORRAL

@Kovaz5

Hai xa ben anos que se dixo iso de que “o xornalismo é o mellor oficio do mundo” –lévalle ti a contraria a Gabriel García Márquez–. Pode que capaz do bo, pero tamén do malo, este mundiño de xuntaletras e persoas dotadas de micrófonos acumula moito tempo facendo de intérprete da realidade. Óscar Benito, nado hai medio século, leva exercendo no xornalismo deportivo case 30 anos. Galicia e o seu fútbol débenlle moito a un grupo de pioneiros que lle ensinaron a afección que a palabra ‘padiola‘ tamén tiña significado sen estar precedida dun ‘carallo‘. Aí tamén estaba o noso protagonista.

Fóra bromas. O vocabulario de milleiros de galegos viuse enriquecido ao longo dos 32 anos que leva en emisión o programa En Xogo da Televisión de Galicia. Pero este espazo non só contribuíu ao léxico da audiencia. Co labor de Ovidio González ou Manuel Pampín –entre unha longa lista de xornalistas galegos–, os seareiros tiveron información de primeira man dos seus respectivos equipos. Óscar Benito daba aquí un dos seus primeiros pasos como xornalista deportivo.

Isto é case unha pregunta obrigada. O xornalismo foi sempre a vocación de Óscar Benito?

Máis ben foi algo que apareceu cos anos. O que a min me motivaba de verdade era xogar ao fútbol, pero tiven que deixalo. Iso si, o que sempre tiven claro é que se ía ser xornalista tiña que ser xornalista deportivo. E por aí empecei.

Aínda así, tamén tiveches algunha que outra experiencia noutro medio que non foi a televisión.

Óscar Benito entrevistando a Arsenio Iglesias | Fonte: Twitter
Óscar Benito entrevistando a Arsenio Iglesias | Fonte: Twitter

Correcto, comecei na radio facendo prácticas en Madrid na que agora é Onda Cero. Tamén estiven en xornais, como na Voz de Galicia. Deseguido, cando acabei a carreira, aló polo ano 1990, entrei de prácticas na Televisión de Galicia e aquí sigo a día de hoxe.


Actualmente es o presentador do En Xogo, un dos programas deportivos de referencia ao longo de moitos anos. Pero isto non vén así como así, xa que levas sendo parte do equipo non dende o comezo, pero case. Como foi chegar a este espazo?

Eu entrei na Televisión de Galicia no ano 90 e xa pasei ao En Xogo directamente. Daquela estaba Manuel Pampín de presentador e director. Foi o primeiro que fixen eu en televisión: retransmisións de partidos, resumos, seguir equipos… Ao primeiro equipo que me tocou cubrir foi ao Compostela, cando estaba na Segunda División; logo pasei ao Deportivo da Coruña, fixen tamén algunha cousa sobre o Celta… Ata que despois, co paso do tempo, logo de moitos anos, a alguén se lle acordou que podería presentar o programa. Dende aquela estou á fronte do En Xogo, e moi contento. Foi algo que chegou cos anos e que nin sequera contemplaba, pero cando veu a min gustoume e aquí sigo.

Se algunha razón hai de que o En Xogo non sexa igual ca antes é polo tema dos dereitos televisivos. Nós antes fomos, coma quen di, os amos do fútbol”

Supoño que tras toda unha carreira neste programa, haberá algún recordo que se garde con especial cariño. É o caso?

Por suposto, sobre todo durante a época dourada dos principais equipos galegos. Cando tiñamos que contar un ascenso ou xa tirando máis cara atrás, cos títulos do Deportivo. A Copa do Rei do ‘Centenariazo’, no 2002, por exemplo. Viaxaramos ata Madrid para facer alí o programa e foi algo espectacular, algo que si que lembras con cariño. Xa digo, sobre todo os éxitos dos nosos, que son o que nos dan a nós forza para que o programa estea máis ou menos ben.

Podería dicirse que, a pesar de contar aínda con gran seguimento, o En Xogo foi perdendo algo de atractivo co paso do tempo. Está relacionado coa baixada de nivel dos clubes galegos con respecto a principios de século?

Se algunha razón hai de que o En Xogo non sexa igual ca antes é polo tema dos dereitos televisivos. Nós antes fomos, coma quen di, os amos do fútbol. Tiñamos todos os partidos, tiñamos todos os resumos… Agora non nos queda máis remedio ca tirar doutras cousas. O que si procuramos é coidar moito aos nosos equipos. Sobre todo, dende as últimas temporadas co arranque da ‘Liga das Cidades’, emitimos fútbol en directo de Segunda B e de Terceira que ao final é o que nos dá a vida. Ademais notamos moito o respaldo da xente. A audiencia está encantada co fútbol galego e todo segue indo moi ben.

Gustavo Varela e Óscar Benito, no plató do En Xogo | Fonte: Twitter
Gustavo Varela e Óscar Benito, no plató do En Xogo | Fonte: Twitter

En semellanza co caso da aldea gala de Astérix e Obélix, Galicia parece ser unha resistencia ante a preferencia da afección polos grandes equipos –na realidade non tanto, pero si que é certo que aquí teimamos nas nosas ideas–. Nunha época de dominio do Barcelona en Liga e en Europa dos clubes da capital, os galegos seguen preferindo enfundarse nas camisolas dos seus.

O xornalismo deportivo como era antes cambiou moitísimo. De repente empezouse a poñer de moda o tema das bufandas”

Por que os galegos receamos máis en seguir aos equipos maioritarios?

Penso que aquí cada quen é moito do seu equipo, que vive con moita intensidade o seu. Tamén creo que outra das razóns é que a xente tivo a oportunidade dende hai moitísimos anos de seguir aos seus equipos precisamente na Televisión de Galicia. Iso tamén fai por crear a afección e que ti esteas co teu equipo. Aínda así é bastante inevitable que a xente sexa do Madrid e do Barça, porque son os que mandan. Pero xa digo, aquí cada un ten o seu equipo e a proba é que este ano, por exemplo, nos playoff de ascenso estamos mantendo unhas audiencias fantásticas, tanto dos partidos do Fabril e do Celta B coma do Pontevedra ou o Compostela. A nós nese sentido si que nos respalda moita masa social. A xente aquí mantén o seu equipo aínda que despois, loxicamente, pois pasa o que pasa. Evidentemente non estamos na época dourada que se viviu antes no fútbol galego co Deportivo ou o Celta na Champions, pero bueno, aí nos mantemos todos.

Nunha entrevista concedida o ano pasado falabas do mérito que tiñan programas como o propio En Xogo na televisión actual polo tratamento que se ofrece do deporte. Actualmente, como ti ben dicías, proliferan os ‘showrnalistas’ nunha morea de programas, o cal non fai máis ca danar a imaxe do xornalismo deportivo. Preocupa que este tipo de contidos sexan confundidos con informacións ou opinións de profesionais de verdade?

O xornalismo deportivo como era antes cambiou moitísimo. De repente empezouse a poñer de moda o tema das bufandas. Eu lembro que cando era novo non sabías de que equipo era un xornalista, tiñas que imaxinalo. Agora xa é habitual. E en canto a todo o tema do ‘Chiringuito’ e demais programas… O primeiro de todo é que xa non os vexo. Non me parece un xornalismo deportivo serio. Agora ben, cada un ten dereito a facer o que queira, pero nós penso que temos moito mérito. O que é a Televisión de Galicia deixa facer un programa dos poucos que hai serios sobre deportes.


Co Campionato do Mundo xa iniciado, a noticia que convulsionou ao planeta futbolístico foi a do anuncio da fichaxe de Julen Lopetegui como novo adestrador do Real Madrid. O que ata uns días era o seleccionador nacional pasou a ser o centro de todas as miradas, espertando críticas na meirande parte da afección. Benito foi un dos moitos xornalistas que se expresaron nas redes sociais ao coñecer o sucedido. Finalmente, a Real Federación Española de Fútbol decidiu destituír ao técnico vasco xusto antes do inicio do Mundial.

As cousas poideron ser doutra maneira no ‘caso Lopetegui’?

Os tempos manexáronse moi mal tanto por parte do Real Madrid coma por parte de Lopetegui. Creo que a reacción de Luis Rubiales [presidente da RFEF] foi a correcta. É máis, eu cando coñecín a noticia xa dixen que o que faría sería cesar ao adestrador. Todo isto sen pensar nalgún momento que ía suceder de verdade. E mira por onde, o presidente da Federación si que tomou esa decisión.

Esta decisión puido estar influída polas presións da prensa?

Non. Coido que el sabía que calquera decisión que tomara ía desencadear críticas. A miña opinión persoal é que se Lopetegui seguira no cargo, a situación chegaría a ser insoportable. Calquera problema que houbera na Selección seguramente estaría relacionado coa figura de Lopetegui, ou sexa que eu penso que mellor así.

Logo do primeiro partido entre España e Portugal, pensas que tal e como está tanto o equipo como o corpo técnico, a Selección Española segue sendo seria candidata ao título?

España está nun segundo chanzo, por detrás de Brasil e Alemaña, pero si, está aí nese grupo de equipos que pode gañar o Mundial. O encontro contra Portugal foi un partido que me deixou bastante boas sensacións, mellores das que agardaba incluso. Pero claro, sucedeu a circunstancia de que Cristiano Ronaldo nos meteu tres goles. Aínda así, á marxe diso, penso que foi un bo debut e que se pode agardar un bo campionato por parte de España.


O equipo do En Xogo, con Óscar Benito á cabeza | Fonte: Twitter
O equipo do En Xogo, con Óscar Benito á cabeza | Fonte: Twitter

E xa para rematar, un test rápido. Un referente na profesión?

Manuel Pampín.

Un ídolo futbolístico?

O primeiro de todos foi Johan Cruyff.

Un adestrador?

Arsenio Iglesias.

Unha afección alén do fútbol?

Gústame moitísimo o fútbol americano.

A pregunta do millón: quen vai gañar o Mundial?

Penso que Brasil ten moitas opcións.