CARLOS RIANDE CORTIZO
O Día das Letras é un día de exaltación da lingua en Galicia a través da súa manifestación literaria. Cada ano homenaxéase a un protagonista cuxa obra estea protagonizada polo galego, deixando unha gran pegada cultural e literaria. Cada 17 de maio adícase o día á Terra. Cómpre recordar tamén á súa selección: A Irmandiña.
Unha identidade en Galicia
Galicia, como toda nación que se considere, conta coa súa propia selección. O equipo é coñecido familiarmente como ‘A Irmandiña’, rememorando a historia da Galicia medieval, na cal se constituíron Irmandades para a defensa do pobo fronte os abusos dos señores.
Esta representa á Federación Galega de Fútbol, independentemente de que participen ou non con outras seleccións nacionais recoñecidas pola FIFA. Nin somos membros da FIFA nin do COI, deste xeito non somos quen de participar en clasificatorios para torneos oficiais. Xogamos, de cando en vez, amigábeis a nivel internacional. Pese a isto, en categorías inferiores si que participa nas competicións organizadas pola Federación Española de Fútbol. Dende 1999 a Selección de Galicia de afeccionados tamén disputa a Copa das Rexións da UEFA.
Copa das Rexións da UEFA
Cómpre, antes de meternos en materia coa selección galega, sinalar que a selección máis afeccionada vén de facer historia. O combinado de Iván Cancelo proclamouse en marzo campioa da XII Copa das Rexións UEFA na fase española. É o segundo título, o primeiro foi no 2010. Así, pandemias globais a un lado, Galicia ten o pasaporte á fase final europea desta Copa de Rexións que disputan xogadores non profesionais.
Os principios
A confección da primeira selección galega prodúcese para a disputa do Campionato Interrexional da tempada 1922/23, un campionato de carácter obrigatorio no que participan as seleccións das federacións afiliadas á Real Federación Española de Fútbol e co que se pretendía confeccionar un combinado estatal en condicións que representase a España nos Xogos Olímpicos de 1924.
Os seleccionadores desta primeira etapa son Manuel de Castro e Pepe Bar. O debut oficial prodúcese o 19 de novembro de 1922 fronte á selección do Centro nos cuartos de final do Campionato Interrexional, gañando o equipo galego por 4-1. O noso equipo logrou chegar ata a primeira final fronte Asturias, o 25 de febreiro de 1923.
Os asturianos protagonizaron unha remontada que pechou o marcador cun 1-3 e a primeira derrota da selección de Galicia. A causa do resultado os seleccionadores presentaron a súa dimisión, mais a Federación Galega de Fútbol pediulles que a retirasen.
Despois da derrota, houbo críticas polo feito de que a selección galega fose confeccionada soamente con xogadores do Fortuna de Vigo e do Vigo Sporting e non se contase cos xogadores dos outros equipos galegos. Como consecuencia da boa imaxe amosada no torneo, ese mesmo ano os dous clubs vigueses decidiron fundirse nun só e crear o Real Club Celta de Vigo.
Seguintes pasos
Durante os seguintes anos encadearon unha serie de partidos homenaxe a xogadores e encontros benéficos, por exemplo, o que fixeron para recadar fondos para as familias damnificadas polo naufraxio de catro pesqueiros de Bouzas no 1930. Deste xeito, nese momento, os partidos xorden de iniciativas particulares e non da propia federación.
En 1936, o Comité Rexional Pro-Olimpíada Popular seleccionou un combinado galego para participar na Olimpíada popular de Barcelona, resposta internacional aos Xogos de Berlín. O 12 de xullo, seis días antes do golpe de Estado, o combinado galego xogou un encontro de adestramento en Balaídos. Dise que moitos destes xogadores galegos ficarían na Cidade Condal, a maioría loitaría no bando republicano, e segundo algúns testemuños, habería futbolistas galegos deste equipo que disputarían encontros xunto a outros soldados durante a guerra civil española e a Segunda Guerra Mundial.
Franquismo
Durante este período disputáronse algúns partidos onde participaron combinados de xogadores galegos, coma o xogado en 1943 entre o Deportivo da Coruña e un equipo de galegos con Ricardo Zamora na meta, pero non había novas da selección galega como tal. Malia todo, é nesta época onde apareceu a selección galega xuvenil, que comezou a participar no campionato estatal organizado pola Real Federación Española de Fútbol e acadou o subcampionato en 1966. Xa despois da ditadura, en 1983, proclamaríase campioa.
Trala ditadura, nin sequera foi un querer e non poder. Houbo achegamentos pero nunca remataron por ser sólidos. En 1980 estivo a piques de xogarse un partido contra Euskadi en Santiago pero os xogadores estaban de vacacións e non se disputou. Antes do Mundial de España, no 1982, tentouse xogar contra Camerún pero tampouco se logrou.
Houbo que esperar ata finais dos 90 para que os ‘Siareiros Galegos’, co agrupamento das peñas do Celta, Deportivo e Compostela, xunto ó ‘movemento bravú’, volveran poñer o foco na ‘Irmandiña’. De feito levouse ao campo na Estrada un partido entre os seareiros e profesionais da cultura, onde destacaban Afonso Eiré, Antón Reixa, Xosé Cid Cabido, Xosé Manuel Pereiro, Moncho Viña, Manuel Rivas, Rómulo Sanjurjo, Xurxo Souto ou Paco Lodeiro. No campo non destacaron tanto, xa que perderon 7-2 pero os cimentos quedaban máis dispostos.
Estamos de volta
Tivemos que agardar ata o 2005, mediante xestións entre Julio Meana, presidente da Federación Galega de Fútbol, e Santi Domínguez, Director Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia co goberno bipartito. Finalmente, o estadio Multiusos de San Lázaro -hoxe renomeado en honra a Vero Boquete, a mellor xogadora galega- acolleu o partido fronte á selección do Uruguai o sábado 29 de decembro de 2005. O colexiado ourensán Bernardino González Vázquez dirixiu o encontro. O resultado foi 3-2 a prol de Galicia.
Desde aí ata o 2008 a selección xogou tres partidos máis. Galicia 1-1 Ecuador no 2006; Galicia 1-1 Camerún no 2007; e Galicia 3-2 Irán no 2008. A partir dese ano, coa chegada do Partido Popular no 2009 suspendeuse a axuda por parte da Xunta. A experiencia desa selección galega quedaba cortada ata o 2016, onde Míchel Salgado e Fran adestraron a un combinado que empatou 1-1 contra Venezuela no Estadio de Riazor cun gol de Iago Aspas.
En febreiro deste ano 2020, o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, confirmou nos micros da Radio Galega, en ‘Ao Contraataque’, que traballaban na volta ós terreos de xogo.
A rumoroloxía situaba a Paraguai como favorita, xa que o adestrador é Eduardo Berizzo e as relacións poderían ser máis sinxelas.Con todo, ‘As tropas de Breogán’ poderían facer un once que non tería nada que envexar a moitas outras seleccións nacionais.