LUCAS MÉNDEZ VEIGA
Falar de Carlos Blanco Vila (Vilagarcía, 1959) é falar dun dos personaxes do mundo do espectáculo máis asentados e recoñecidos en Galicia. Actor, cómico, presentador… o arousán é un home polifacético que acaba de volver á escea nacional cun producto televisivo de rotundo éxito como Fariña, no que intepreta a Laureano Oubiña. Ademais, o actor admítese cómodo probando noutros ámbitos e de aí xorden outros proxectos como os ‘Menú de Noite’ co debuxante Davila, os shows co cómico Xosé Antonio Touriñán ou o filme ‘Doghs’, todos igual de aclamados.
Falamos con el como recoñecido futbolero e celtista. Pretendemos afondar nas claves do éxito, nas diversas caras das súas actuacións e queremos falar de fútbol. Do seu ‘Selta‘. Admite o triunfo de Fariña en base ós clichés e as características dos galegos ben traballados e tratados. Porque ademais, Carlos Blanco é un home orgulloso de ser galego e da Illa. E que ninguén troque iso.
Pregunta: Do primeiro do que me gustaría falar é do rotundo éxito de Fariña, como se dixire algo así?
Resposta: É moi boa pregunta porque de verdade non hai nada tan complicado de dixerir como o éxito. Contrariamente do que a xente pode pensar, para min é moito máis complicado no caso do éxito que do fracaso. Do fracaso aprendes pero o éxito descontrólate. Teño a sorte de que me colle case con sesenta anos e o relativizas todo, o levas con calma. Agora van chegando ofertas de traballo que antes non chegaban e vou seleccionando, dicindo ‘non’ con tranquilidade ata que chegue aquilo que espero. Non é fácil, de aí tanto ‘xoguete roto’, tanto neno que sae na tele e despois se descontrola…
P: Está de actualidade o ‘fenómeno do narcotráfico’ nos productos televisivos. Cres necesario afastar a idea do narcotráfico como algo cool para mostrar a verdadeira realidade do problema?
R: Non sei se debe afastar esa idea. Quero dicir, Dexter, por exemplo, un asasino, un psicópata, un tipo que resulta tan atractivo. A miña pregunta sería por que nos atraen tanto os malos. Que hai nos narcos que nos atraen tanto? Nos nosos, nos colombianos ou nos mexicanos. Que nos atrae de esa personaxe que salta á lei. Por que Robin Hood, que non deixaba de ser un ladrón, nos resulta tan atractivo. Por que Currás, en Mareas Vivas, que era un percebeiro furtivo, resultáballe tan interesante á xente. Que é o que fai que nos atraia más Hannibal Lecter que San Francisco de Asís… Eu non sei pero realmente é así, atráennos esas figuras á marxe da lei, que non son mansos. Probablemente sobre un notario haxa moi poucas películas que facer. A vida dun notario é a dun home que fai o seu traballo e sen embargo a un narco pásanlle cousas moi emocionantes todos os días. Supoño que iso é o que fai atractivo o asunto. Non sei se hai que afastar á xente disto. Me parece que é unha cuestión moral na que eu non me meto.
Atráennos esas figuras á marxe da lei, que non son mansos […] non sei se hai que afastar á xente disto – Carlos Blanco
P: Volvendo un pouco á clave do éxito de Fariña, como de importante é que o producto tente reproducir cousas tan galegas como a retranca, os acentos, as supersticións…?
R: Aí está a clave do éxito. Quero dicir, por que ‘Dublineses’ de James Joyce que é unha novela e unha película marabillosa de John Huston que fala da pequena sociedade de Dublin, moi concreta, resulta tan interesante. Por que Doutor en Alaska é tan comprensible para nós, cando está falando dunha sociedade lonxana de esquimós. Creo que, a verdade, no local está o universal. De feito, agora grandes cadeas americanas como HBO estanse indo a cuestións moi locais, moi miudas, que resultan ser universais e interesantes. Xustamente, o gran éxito de Fariña está en que é un producto moi recoñecible, en todos os sentidos. Lingüisticamente, humanamente… senón estaríamos nun territorio neutro, nuns narcos que falarían con acento un pouquiño de Vallecas e non resultaría crible. Esa aposta é a que nos conduce ó éxito.
P: Desas cousas que nos diferencian ós galegos, como se traballa dentro da serie para diferencialas dos estereotipos e tópicos?
R: Ó mellor tampouco temos que afastarnos dos tópicos. Os galegos somos xente que nos manifestamos moitas veces respondendo a unha pregunta con outra pregunta. Iso é un tópico real. Vai por aí e verás como te din ‘e logho ti, de onde eres?’… Eu non estou contra os clichés, sempre que se traten con intelixencia. Afortunadamente nós, supoño que estábamos fartos de ver ese cliché de mala imitación na que non nos sentíamos representados, de xente de fóra, do que non é o noso. Eles pensan que é o noso pero non o é. Nós afondamos niso, dende o coñecemento. Creo que aí está tamén o que funciona tan ben de Fariña.
Non estou contra os clichés. Nós afondamos nesa cuestión desde o coñecemento […] aí está o que funciona tan ben de Fariña – Carlos Blanco
Nacho Carretero admite en moitas entrevistas que o seu libro trátase única e exclusivamente dun «traballo xornalístico». Preguntado polo -ata fai pouco secuestrado- libro do escritor coruñés, Blanco non da crédito: «Non sei, un xuíz tomou esa decisión. Paréceme como doutra época«. O curioso, segundo o actor, é que a denuncia chegase un chisquiño tarde: «Véxoo absurdo nun libro que levaba nove edicións vendidas», admite.
Deixa claro, asimesmo, que entende as posturas, tanto que si puxesen algo del mesmo que non lle gustase tamén o denunciaría. «É unha decisión xudicial que non comparto e penso que probablemente cando saia esta entrevista, cando a poida ler a xente, o libro xa non estará prohibido. Eso espero, creo que sería o lóxico nunha sociedade europea e democrática». Por sorte, Carlos acertou de cheo e Fariña volve ás librarías.
P: Centrándonos un pouco xa no tema do fútbol, que é o que pretendemos reflectir, cres que dende sectores do audiovisual se abandona esa vertente cultural que pode ter o fútbol e vése como un produto que non serve?
R: Non creo, iso dependerá de cada visión. Fixen algunha peli sobre fútbol e teño lido a Benedetti, xente así, que amaba ó fútbol. A min gústame o fútbol. Agora empeza o Mundial, despois dunha traizón a España feita polo Real Madrid, o cal non deixa de ser curioso… (risas). Chega a ser o Barcelona e queiman Barcelona. O problema é que hai un concepto de circo, que o fútbol distrae doutras cuestións cando non debería ser así. Hai afeccións futbolísticas moi lúcidas en canto a reivindicacións e cousas así. En todo caso para min o fútbol é un entretenemento, algo que me distrae. Se gaña o Celta perfecto, eu son celtista pero estamos afeitos a perder. Se de algo sabemos é de perder. E sabemos que isto é para os ricos, que se gañan é porque teñen máis pasta. Eu dígolle á xente que mérito ten ser do Real Madrid ou do Barcelona, do que gaña é calquera. Faite do que non gaña, muchacho. Non sei se se pode falar do fútbol no xeito cultural. Paréceme marabilloso para a socialización, eu practiqueino e practícoo… e ademais vivo na Illa (de Arousa) e aquí son celtistas de verdade. Non primeiro do Celta e logo do Madrid. Hai algún que o di coa boca pequena… (risas).
Non creo que na nosa profesión haxa algo contra o fútbol, de feito mañá actúo con Touriñán en Burela á mesma hora do España-Portugal e enchemos dúas veces. Ocorreu tamén con Luis Davila, cando estreamos o ‘Menú da Noite’, que enchemos Vilagarcía o mesmo día do Madrid-Barça e do Celta-Depor. Iso sí, o 70% eran rapazas e a mín pareceume un signo de intelixencia (risas).
P: Na túa carreira de actor, comezamos a coñecerte por papeis como o de Mareas Vivas pero logo vas interpretando outros amais de sketches, espectáculos… como se pasa dun xénero a outro sen encasillarse?
R: Eu creo que quen sabe facer comedia sabe facer todo. O difícil neste oficio é a comedia, baixo o meu modesto punto de vista. O drama é relativamente máis simple. Se sabes facer comedia podes con todo o que se che poña por diante. As veces poño este exemplo porque penso que é moi práctico: os alemáns, que son xente moi seria, o deporte que máis admiran é o atletismo e os deportistas que máis admiran son os do decathlon. E fan dez cousas e dez ben. Para nós facer tres é sospeitoso. Empezas a ser sospeitoso de algo. Non podes cantar e á vez actuar, pintar e escribir. Porque non se pode. Porque iso xa é Leonardo Da Vinci. Pues ‘los cojones de Mahoma‘. Por que non podes facer todo iso ben? Hai casos, eu nunca serei tan bo actor coma outros, pero me defendo. Nin serei tan bo director coma outros, pero me defendo. E si me poño a escribir aínda me defendo. A pintar non (risas). Entón déixame vivir, eu o que fago é non aburrirme. De repente facer teatro, cine, presentar unha gala… agora por exemplo, televisión non me apetece, porque é unha cousa moi cansada. Eu quero seguir experimentando, gústame facelo.
P: Xa o comentaches un pouco antes. Eres un recoñecido celtista ademais vivindo na Illa. Neste territorio celeste, como tes ti de presente esa afección nos teus proxectos, no teu día a día…?
R: Aquí o complicado é ser deportivista, que os hai…(risas). No meu día a día é un disfrute. Eu vou cos Carcamáns a Balaídos no autobús, a mín gústame ir ó campo. Eu lévome ben co presidente (do Celta), paréceme un tipo intelixente e interesante, e lévome ben con Carmen Avendaño, que está na directiva e invítame ó palco. Eu digo: que fago no palco? Abúrrome. Déixame estar na curva cantando e animando. E o bocadillo, a clave é o bocadillo. Moitas veces levo ó meu sobriño Roque e a min o que me gusta é o bocadillo do descanso, eu vou a iso (risas). A comer o bocata, a pasalo ben e se gañamos ben e se perdemos mala sorte, isto é fútbol, non nos volvamos tolos.
P: Gáñaste a vida facendo rir á xente, coa retranca, coas actuacións… Cres que os futbolistas, e se queres falar máis en concreto dos do Celta, pecan de falta de naturalidade?
R: Non creas, eh. Eu estiven o outro día comendo con Jonny, que igual a estas alturas xa non é do Celta, e pareceume que tiña guasa. O que pasa é que son rapaces, de vinte, vintedous… rapaces. Calquera cousa que digan se magnifica. Supoño que Hugo Mallo escarmentou de cousas que ten dito, ó mellor non moi apropiadas, pero que sentía. A Aspas aínda non lle perdoan hoxe en Coruña cousas que ten dito. E está en Rusia con todos os merecementos e merecería ser titular na selección, pero hai xente que non lle pode ver según que declaracións. Entón non poden ser sinceros e naturais porque, se o son, quéimanos vivos. Aprenden a ser moi prudentes, a dicir catro frases e non se complican a vida. Como facemos un pouco todos nas redes sociais hoxe en día. Procuramos non dicir según que cousas porque nos aparecen cen mil que nos cortan a cabeza. Eles aprenden de antes porque ao mellor pasado mañá están no Celta e se van para Valencia e non poden dicir que o Celta é o equipo da súa vida porque xogarán noutro, chega o Liverpool, paga unha pasta e xogan en Anfield. Creo que é máis cuestión de prudencia que de sosería, que tamén poderá ser.
Preguntado por algún futbolista co que compartir escenario: «Eu con Guidetti ao fin do mundo» – Carlos Blanco
P: Falabas antes de que compartes escenarios con celtistas como Davila e con deportivistas como Touriñán. Como se leva esa rivalidade tamén tan galega?
R: Xenial, home. Nós aínda temos un grupo de Whatsapp de Fariña, os ‘fariñentos’. E aí estamos os actores, algúns técnicos, e aínda hoxe seguimos falando. Fíxate como foi aquela comunión na serie que aínda hoxe mantemos o contacto. No único no que non nos poñemos de acordo é nisto. Que Alfonso Agra pincha, e Touri entra… pero iso é san, é unha rivalidade san. Non son antideportivista. Eu adorei a Fran, seguín toda a súa carreira traballando na radio. Gústame gañarlles, vacilalos… pero oxalá volten a Primeira. E con Touri, que é moi deportivista e é pinchón o cabrito, neste momento, que pode dicir? As copas, as copas… é como as familias vellas, quédavos a vajilla nada máis. Iso joróballes (risas). Vivide o presente. Pero ese pique san, noso, que mentres o levemos polo camiño do vacile, da coña, eu creo que será bo.
Moita da xente que asiste ós espectáculos de Carlos Blanco pártese de risa con historietas coma a das liñas do campo do Cambados, esas que ‘misteriosamente’ desaparecen. Ou a das primas que recibían os xogadores daquel Cambados de Sito Miñanco. «O das liñas é un vacile meu. Están pintadiñas e de repente as renovan… pensas mal». Admite centrarse en moitas historias reais das que extrae esas fábulas. Con esta retranca dá renda solta á súa imaxinación.
P: Facendo un símil coa carreira de Iago Aspas, que probou sorte fóra, cres que os actores deben tentar sair de Galicia?
R: Eu acabo de rexeitar esta semana unha oferta para traballar fóra seis meses, faríase moi duro. Non o sei. Creo que prefiro ser feliz aquí e manter a miña carreira aquí que estar nun sitio onde non estea a gusto. Como para min non é unha cuestión de triunfar a nivel mundial, nin de Madrid nin Galicia, creo que o bo de verdade é vivir do que che gusta, manter esa carreira nos anos. Eu actúo en Cambados, en Burela… e volvo a durmir á casa. Eu son como Van Morrison, a min gústame volver á casa. Se actúas por aí non podes volver e xa vou tendo unha idade na que me gusta volver. De feito, estoume plantexando durante un tempo actuar só aquí, na Illa e que veña o público máis que eu andar movéndome.
P: Puidemos verte metido no ámbito futbolero en ‘Temporada 92/93’, en telefilmes como ‘O Partido’… eres máis de xogalo ou de sufrilo?
R: ‘Temporada’ estaba moi ben, porque non aparecía o fútbol. Porque o problema do fútbol é que vai moi mal no cine, na televisión. Non lembro unha película sobre fútbol que me parecera realmente interesante. Quizais aquela arxetina, «La niña de tus ojos»… logo hai un escritor arxentino, que vos recomendo, Eduardo Sacheri. Creo que ninguén escribe sobre fútbol como Sacheri e algún dos seus relatos podían ser levados ó cine con intelixencia, ou ás curtas. Alejandro Marzoa fíxoo moi ben con ‘Temporada 92/93’ porque falaba de sentimentos. Podía ser o Celta como calquera outro equipo, e ese é o sentimento. Cadrou que era o Celta e foi en Barcelona. Saimos alí coas bandeiras e eran todos cataláns, ningún celtista. Falou dende o seu sentimento, dende o seu celtismo porque Marzoa é celtista e sufridor. O fútbol sempre foi moi mal levado as pantallas, non sei cal é a razón. Quizais tamén haxa que rodar ós malos do fútbol. Aquel Independiente que saía con alfileres nas medias para pincharlle ós contrarios nos córners. Eu penso que os arxentinos son os únicos que poden facer isto. Aínda estou esperando unha película de fútbol que me faga dicir que esta sí é unha gran historia de fútbol.
P: Na túa opinión, que ten que ter un produto de ficción para poder enganchar á xente?
R: Carallo, que pregunta me fas… non o sei. Se soubera iso sería multimillonario. A xente… depende de que xente. Fariña non parecía unha historia destinada a un público maioritario. Non é unha historia fácil, cómoda, é escura, con choiva, de noite, chea de tacos e sen embargo, prendeu. Quen saiba o que o público quere ten a riqueza nas súas mans. O problema é que nunca sabes, senón acertarías sempre e non é o caso.
O fútbol sempre foi moi mal levado ás pantallas, non sei cal é a razón. Quizais tamén haxa que rodar ós malos do fútbol – Carlos Blanco
P: Cal é o mellor recordo que tes co Celta presente?
R: Son recentes. O máis bonito que teño é un gol que marcou o Celta en San Mamés. Empatamos, eu estaba alí, naquel campo incrible, con aquela afección marabillosa. Pero dous mil celtistas tapamos a corenta mil vascos, que iso… manda carallo. Estaban gañando eles 1-0 e na segunda parte estábamos coméndoos con patacas. E dende a grada comezamos a empurrar, dez minutos alí sen parar e segundo íbamos subindo de ton o equipo ía tirando para arriba e terminou en gol. E foi un orgasmo, tío, foi brutal, marabilloso. Tamén teño un recordo marabilloso, e permíteme facerlle unha homenaxe a un xenio do marketing, que non se lle ocurre outra cousa que levar un cartaz dun partido do Choco, non recordo contra quen, e plántao en Manchester, nunha parede, mentres todos estábamos tomando cervexa. Puxo un cartel do Choco, pareceume un xenio (risas). Fixémoslle a ola, hai que telos pa levar un cartel para que a xente de Manchester se entere que ese sábado xoga o Choco.
Iago Aspas está de actualidade e moitas das veces que fala representa todo o galego do que falamos na conversa. El admítese orgulloso de ser do seu pobo, de xogar no Celta. Carlos Blanco, ó igual que Iago, di estar orgulloso de vivir na Illa e de ser de alí. El admite que a felicidade ten moito que ver coa autoestima. «Creo que Iago atopou a súa máxima felicidade cando asumiu que onde tiña que xogar era no Celta, que era o que sentía». «É impresionante velo xogar, se lle respetan as lesións, podemos disfrutalo uns anos máis», comenta. No seu caso pode ser algo similar. «Vivo onde me gusta e con xente que quero e me trata ben. Non concibo outro sitio para vivir».
Carlos Blanco é un home orgulloso e feliz. Asentado no seu ámbito e disfrutando das oportunidades que lle da a vida, sempre estará ligado a Galicia e á súa Illa, o seu lugar no mundo. Admite que asume o que é, o talento que ten e trata de exprimilo. «Se son bo facendo rir a xente, para que vou cambiar?».