Este artigo pode conter algunha incorrección temporal xa que foi publicado no ano 2019
ALEJANDRO VÁZQUEZ CORRAL
Din os vellos —e tamén algúns novos— que ‘non hai pracer que non enfade, pero tampouco vicio que non canse‘. María Covadonga Regueiro (Lugo, 1979), máis coñecida como ‘Covi’, parece ir en contra do dito. Ou polo menos da súa segunda parte.
Xa non é só dedicar unha vida ao fútbol, senón entregala para que os demais poidan desfrutar do deporte. Están próximos os 40 para a capitá do PM Friol, pero iso tampouco é un impedimento. Se pensamos na Covi futbolista estamos esquecendo unha gran parte do que fai grande a unha persoa neste noso mundo esférico.
Covi xoga, si, pero sobre todo aposta pola formación e polo fútbol de base. “Mentres teña ilusión e o desfrute, seguirei xogando. Cando era máis nova centrábame niso, pero agora vexo moito máis importante o feito de poder formar á xente que vén detrás”, conta.
Un par de mañás á semana desprázase ata as oficinas do CD Lugo para preparar os adestramentos e levar a contabilidade de estatísticas, obxectivos e informes dos equipos que dirixe. As tardes tenas completas cos adestramentos co primeiro equipo, atendendo as sesións do filial, do equipo de fútbol sala e coas rapazas que se preparan para unha nova edición da Copa Gallaecia.
Non é nada doado compatibilizar todo. En pobos como Friol xa é difícil sacar adiante equipos de nenos, imaxina de rapazas. Só na Coruña hai máis xogadoras ca en toda a provincia de Lugo.
O inicio das historias que máis destacan acostuman a ser semellantes. “Gustábame moito o fútbol no colexio. Era máis ben a única rapaza que xogaba cos nenos nos recreos. Fun medrando e probei con máis deportes, pero sempre preferín o fútbol”, relata Covi. Os seus primeiros toques á pelota foron no fútbol sala, na SDC Residencia. Pouco tardaría en trasladarse á que leva sendo a súa casa media vida, Friol.
Friol é fútbol en feminino
Da man de Ángel Villar, ‘Geluco’, o Peluquería Mixta Friol botou a andar polos pavillóns adiante hai xa uns cantos anos. Nunha vila lucense na que cada vez hai menos e máis vellos habitantes, no fútbol triunfaron elas. “Botamos uns cantos competindo na Liga Autonómica de fútbol sala ata que conseguimos ascender a Nacional”, recorda unha Covi que xa por aquela, na primeira década dos 2000, compatibilizaba o xogar con adestrar ás categorías de fútbol base da vila.
Teño un equipo moi novo porque a idea é formar novas xogadoras que nun futuro poidan formar parte do primeiro equipo para non depender de xente de fóra
Foi tamén daquela cando naceu a sección de fútbol campo do Peluquería Mixta Friol. Covi e as súas compañeiras compaxinaron os pavillóns co verde uns anos, ata que o equipo feminino só mantivo a sección de campo. Os comezos para o club friolés que hoxe xoga coa camisola do Lugo tampouco foron doados. “Ao principio non podiamos adestrar en Friol porque o terreo de xogo non estaba en condicións. Utilizamos os campos da Cheda e da Frigsa en Lugo grazas á colaboración do Concello de Lugo e dos demais equipos”, narra a capitá do club.
Coa máis que necesaria renovación da Reigosa, as instalacións municipais deportivas de Friol, o equipo puido por fin adestrar e xogar na vila. “Poder xogar aquí foi algo esencial. As instalacións son xeniais e temos maior dispoñibilidade á hora de usalas. Compartímolas co CF Friol masculino, pero non temos problema á hora de repartir e cadrar horarios”, explica Covi.
… e chegou o CD Lugo
Cunhas cantas tempadas de mérito, o PM Friol mantívose nos postos altos da clasificación da 2ª División Feminina de España. O equipo estivo practicamente sempre dirixido por xente da casa. A propia Covi durante unha lesión grave, Geluco ou Josito —entre outros, ex xogador do CD Lugo— estiveron aos mandos do club friolés. Esta campaña en Friol iniciouse cunha noticia de impacto: o PM Friol pasaría a xogar coa camisola do CD Lugo.
Deste xeito, o Friol feminino converteuse en filial do Lugo, pero conservando o seu nome e certa marxe de independencia. O PM Friol CD Lugo arrancou a tempada cun corpo técnico máis amplo, pero coa meirande parte das caras habituais. Covi, por suposto, tamén seguiu aí: “Medramos no aspecto deportivo. A camiseta e o escudo do Lugo impoñen máis e téñenche máis respecto, pero a nosa forma de traballar tampouco mudou en exceso. Adestramos un día máis, pero no mesmo campo e coas mesmas dinámicas”, conta.
A campaña non puido ir mellor. Con Josito como adestrador e cuns cantos reforzos previos á nova campaña, o equipo cumpriu o seu obxectivo hai unhas xornadas: o ascenso. E todo isto nun marco de competitividade máxima. A RFEF creou o verán pasado unha nova categoría intermedia entre a 1ª e a 2ª División Feminina, denominada 1ª B. Esta sección, formada por dous grupos de 16 equipos, botará a andar logo desta tempada. É por iso que clubs como o CD Lugo queren apostar forte por contar con presencia nesta nova competición.
Hoxe en día practicamente ningún equipo feminino podería sufragar unha praza coas condicións que pretenden impoñer
Independencia e problemas
Agora ben, en Friol aínda non se celebra nada. Por que? “Todo segue bastante incerto. Os requisitos para entrar nesta 1ª B son moi restritivos para clubs independentes coma nós—aínda que o CD Lugo ofrece o seu patrocinio, o PM Friol segue sendo unha entidade propia—. Aqueles equipos que dependen dunha sección masculina potente e que teñen grandes presupostos non terían problemas en entrar na nova categoría”, explica a capitá do Friol. Os requirimentos económicos son tan estritos que “hoxe en día hai non os consegue cumprir practicamente ningún equipo feminino”.
A praza que o PM Friol CD Lugo gañou nos terreos de xogo esta tempada seguirá no poleiro ata a Asemblea Xeral extraordinaria da RFEF do 29 de abril. “Celebraremos o ascenso a última xornada pero, de momento, non sabemos o que vai pasar”, sentencia a xogadora.
Onde queda logo o horizonte? Para Covi, o fútbol feminino está tendo un boom: “Moitos equipos están creando seccións para xogadoras, e moitas rapazas que igual practicaban outros deportes estanse afanando máis co fútbol”, di. “Hai máis apoios, tanto por medios de comunicación como por empresas e patrocinadores privados. Pero o importante non deixa de ser o económico, e aí está a nosa gran eiva”, conclúe. Covi Regueiro ve no fútbol masculino un negocio que move millóns de euros. Para ela “hai que ir paso a paso”. “Ao mellor moitas federacións e empresas que non se acordaban do fútbol feminino para nada ven que aquí se pode gañar cartos e comezan a mostrar interese. Logo haberá que distinguir se ese interese é real ou meramente económico”, explica.
Unha das claves para a eterna capitá do fútbol feminino friolés está no que suceda a partir da tempada que vén. “Penso que haberíalle que dar unha oportunidade a esta 1ª B nas condicións que se pactaron o ano pasado cando se constituíu. As prazas sempre se deben de gañar nos campos de fútbol”, remata.
También te puede interesar… ‘El argentino que soñaba con Lugo’
MIRIAM RÍOS: “Las niñas ya no se esconden de querer jugar al fútbol”