O deseñador lucense nunha charla do FEED en Santiago de Compostela explicando o proxecto de Líbero | Lucas Méndez
O deseñador gráfico lucense nunha charla do FEED en Santiago de Compostela explicando o proxecto de Líbero | Lucas Méndez
LUCAS MÉNDEZ VEIGA

@LMendez8

Nunha familia de artistas e comunicadores, a Artur Galocha (Lugo, 1983) moloulle mesturalo todo. Comezou mesturando na música, onde tirou de mozo polos pratos e o rap. Mesmo mestura no fútbol, onde se confesa deportivista nostálxico cun gusto pola franxa vermella do Rayo. Pensou adicarse ó xornalismo porque era o que vía na casa. El tamén quería contar historias, pero a través do deseño.

Agora é infografista, deseñador gráfico e ilustrador. É un dos pais da revista Líbero e orgulloso creador de portadas literarias tan célebres como as da colección Hooligans Ilustrados ou Fariña de Nacho Carretero. Logo de pasar por outros medios, hoxe traballa no xornal El País. Di que non tardará en moverse de Madrid e que segue botando de menos o ambiente de Compostela. É alí onde nos citamos nunha complicada tardiña festiva de hai algún tempo. Nin imaxinabamos a que se viña enriba nesta primeira parte do ano. Prendemos a gravadora para falar longo e sen presas, dende a súa vocación, o novo panorama dos medios e as súas paixóns. ‘Palabra de Artur Galocha’.

Pregunta: Es xornalista, adícaste ao deseño gráfico, naciches en Lugo. Son tres datos característicos teus, que outros definen a Artur Galocha?

Resposta: A verdade é que estudei xornalismo porque quería deseñar. Escribir nunca me flipou, si que ao principio cando estudaba, pero o curro que fixen de xornalista non me molou e a min tirábame o deseño gráfico. Meu pai enganoume, porque el fixo xornalismo, pero depende. Cando fago máis revistas, síntome máis deseñador. Cando tiro polas infografías, síntome xornalista. Esas son as formas que teño de contar historias, mesmo facer revistas é xornalismo. No ambiente de deseñadores gráficos me sinto xornalista, pero para ir de guai, non? E no ambiente de xornalistas me ven como un deseñador.

Cando empecei a estudar xornalismo fixen prácticas pero houbo un momento, acórdome perfectamente, no Senado entrevistando a Anxo Quintana. Nos corrillos de despois, nese momento, vin o rollo e dixen ‘eu non quero facer isto’. E aí deixei de escribir. Xa viña dende pequeno. Meu pai é deseñador, é xornalista e sempre había revistas por aí. Recortaba e pegaba titulares e sempre me molou. Cando cheguei a Madrid vin que non había deseño por ningún lado. Todo autodidacta. Probando eu, comprando libros baratos e aprendendo. Despois descubrín a infografía e era o xeito de unir as dúas vertentes: contar historias e buscar datos para reflectir graficamente.

P: Actualmente como defines o teu estilo persoal?

R: Aprendín moito en Público, con Álvaro Valiño. Aí aprendín a quitar o que non fai falta. Se tivese que describir o meu estilo sería quitar todo o que non fai falta. Quedarme só co necesario para que chegue ben a información. Se vés por exemplo revistas, na Líbero non hai nada que poidas quitar. Todo ten sentido e sitio. Ese minimalismo defíneme sobre todo para non molestar.

P: Na túa vida fuches percorrendo cidades. De Lugo a Compostela, Madrid, Roma, Barcelona, de volta a Madrid… sempre te moveron novos proxectos ou buscaches outras inquedanzas?

R: Foi máis cuestión vital porque son un fervellasverzas. Non estou quieto moito tempo. De feito, eu era rapeiro e era o meu alcume [risas]. O de Madrid foi que non me deu a nota e marchei por iso. Pero houbese quedado aquí, con 18 anos, os colegas… Fixen alí a carreira, non acabei, quédame quinto. E volvín un ano para recuperar o perdido en Compostela. E logo máis por moverme.

O tempo que máis estiven nun traballo foi en Público, tres anos. E ós tres anos xa me ven a gana de marchar. Roma xurdiu de casualidade. Estabamos Álvaro Valiño, Samuel Granados e mais eu en Público e contactounos un rapaz de Barcelona que ten un estudo de deseño e estaba redeseñando Il Corriere dello Sport. E pediunos que fixésemos o manual de estilo de infografías. Gustáballe o estilo do xornal e fixemos o manual case enteiro, e quedou aí a cousa. Chamounos o rapaz, Victor, e díxonos que os propietarios botábanse para atrás. Cobramos a metade do traballo.

E casualidade, dous anos despois, voltou chamar que buscaban dous infografistas para marchar a Roma. Estaba en Barcelona coa miña moza e non estábamos moi alá. Comentámolo, ó principio ían ser seis meses e ó final foron case oito meses. Foi en 2014, co Mundial e querían facer esas infografías. Gustoulles e quedamos ata novembro. Agora estou en Madrid, ben, pero supoño que para o ano me moverei.

Xornalista de profesión, pronto mudou de ámbito para pasarse ó deseño gráfico e á ilustración | Alejandro Gómez
Xornalista de profesión, pronto mudou de ámbito para pasarse ó deseño gráfico e á ilustración | Alejandro Gómez

P: En medios referentes e moi lidos en España, nos Estados Unidos, o big data xa ten un peso importantísimo na información que consume a xente. Como defines esta tendencia? Simplemente como isto, unha tendencia, ou chegou para quedarse?

R: Ten parte de tendencia. Cada vez ves máis xornalistas de data e cada vez recompilamos máis datos ca nunca e está máis presente ca nunca. O que pasa é que se necesita xente que a mostre. Falando coa xente de Materia, da sección de Ciencia de El País… son xente que divulga moi ben pero son temas que ós científicos escápaselle como contalo para que se entenda. Creo que xornalistas de datos forman parte diso, é unha tendencia que mola. Ver todo iso en datos. Pero ten sentido.

Aquí en España había iniciativas individuais que agora empezan a estruturarse nos medios. Pero era máis por xente como Kiko Llaneras, Paula Guisado en El Mundo, Daniele Grasso, xente que eles mesmos decidiron tirar por aí. Agora dánse conta de todo: fan temas interesantes, temas que se moven moitísimo e teñen moitas visitas. Os xefes véno e din, hostia, dános prestixio e visitas. Que si, hai que ver o que fai o Times, o Post, o Guardian pero estes apostaron por pezas cada dous tres días de datos que son a hostia. En El País comezamos a facelo e a aposta parece que é verdadeira.

P: Estudaches xornalismo e vives dende dentro os medios. Percibes algún tipo de crisis nos medios? Económica, de contidos, laboral…?

R: É que pasamos unha crise moi jodida. Nos medios máis. Tiven a sorte, e sempre o falo con xente máis nova ca min, de que entrei no mercado laboral en 2005, 2006. Estaba dentro unha vez estoupou todo. Libreime desa criba pero si que estiven en EREs, no peche de Público, o vivín dende dentro. Hai certa recuperación pero é bastante puñeteira. Nos medios grandes fan contratos de merda á xente nova e son periódicos que teñen convenio e hai uns mínimos pero ‘se lo pasan por los huevos’. Fan contratos de falso autónomo, pagan moi pouco, non cotiza o mesmo… fan de todo para saltarse iso. Entón ves xente que leva corenta anos no medio, que está de volta e que non lle apetece facer nada máis, cobrando 100.000 ó ano. E por outra banda, rapaces que fan horas, que lle meten ganas, traen ideas novas e cobran 1.500 euros e pagando eles autónomos.

Si que vexo certa recuperación grazas a medios como Eldiario.es, medios nativos que contribúen a esa recuperación e parece que pasamos o peor dentro do xornalismo. Empezan a gastar cartos. Logo está o rollo de que facemos co dixital. El País será de pago, El Mundo xa o é… como algo que demos gratis tanto anos, agora facemos ver á xente que ten que pagalo.

Fai pouco vin un chío en Twitter, un rapaz que dicía que había que rexistrarse para ler opinión. E ten todo o sentido do mundo porque recabas datos para logo pedirlles que se subscriban. E a opinión define o medio neste país aínda que non é ideal. A min dáme un texto traballado, longo, con varias voces, con datos, fotografías antes que a idea de Jabois, e iso que me encanta como escribe Jabois. Os xornalistas somos moi nosos e Twitter convertémolo en noso [risas]. E empezamos co de ‘queremos comer’, e claro, queremos comer, queremos que se pague polo noso produto pero hai que escoitar esas voces.

Como facemos que esta xente pague polo teu medio. Estamos nesas. Aos medios americanos véulle moi ben Trump para a recuperación da prensa como elemento chave das democracias. Creo que o reto é convencer a xente que hai que pagar.

P: Nas túas redes sociais falas de música e de fútbol. As túas grandes paixóns pero á vez fontes de información para o teu traballo. Son hobbies ou traballo?

R: Véxoas como hobby. Sempre me gustou o fútbol, a música e o xornalismo. Entón a cousa era como buscarme o rollo para dedicarme ó que me gusta. Cando tiña quince anos o que quería facer era El País de las Tentaciones. Meu pai compraba El País, deixaba o Tentaciones e quería deseñar iso. Conseguino, entón de puta nai.

E logo flipábame o fútbol. Se con todo podía vivir, pois mellor. Non empecei por aí, en infografía facía de todo. Ao principio de saúde, ciencia, pero despois buscas o que che mola. A música e o fútbol son hobbies totalmente aínda que o fútbol é máis por rachas, intermitente… culpa do Deportivo [risas]. Pero a música sempre está aí.

O big data ten parte de tendencia pero ten sentido […] Fánse temas interesantes, que se moven moitísimo e teñen moitas visitas.

P: Que opinión che merece o tratamento xornalístico actual no deporte?

R: [Risas] Está guai que haxa medios pequenos como o voso. Diarios de fútbol que che dan outro rollo. Panenka ou nós, Líbero. Tes onde escoller. Pero mira, o outro día falaba co meu irmán Denis, que é futboleiro ata a medula, e dicíame ‘non estás a ver nada este ano’. Pero é que sáeme Juanma Castaño, tío… Eu disfruto dos partidos de Carlos Martínez e Robinson. Tardes de domingo nos que o último resquicio de fin de semana eran as súas voces. Iso flípame pero logo contactan co outro e me cago na puta. Apago.

Non me asomo moito ao xornalismo deportivo. Ás veces olleo o Marca, que ten cousas interesantes. No AS este ano meteron a columnistas que molan un montón como Galder Reguera, Barcala de Líbero e tal. Pero non máis. Da tele paso, ás veces para ver resumos e saen opinións incluso de xente que non berra, Axel Torres e así, pero é que fáltame análise táctico. O programa que había do mesmo Axel o quitan. O programa de Maldini, o quitan. Informe Robinson é brutal pero o xeralista non o consumo. O outro día na casa do meu avó tiña posto La Sexta e empezou Jugones. Pensei ‘pero isto?’, non falaron de deportes en ningún momento, todo coas chorradas, aínda que imaxino que a xente interésalle iso. A mín atráeme a nostalxia, as historias e reportaxes. Mólanme máis as seccións de deportes dos medios xeralistas, como David Álvarez en El País, que os medios deportivos. Van a outro público e enganchan por outro lado.

P: Falando de medios que fuxen do chamado ‘xornalismo de bufanda’, es unha das cabezas visibles do proxecto Líbero. Como nace o proxecto? Tivechedes esta mesma sensación que nos describes, de que o fútbol non tiña o tratamento adecuado nos medios?

R: Si. Todo nace un pouco de aí. Molábanos o fútbol e non nos molaba o que contaban del. A min a historia que me mola de Líbero e que a montamos xente que non tiña nada que ver co mundo deportivo. Óscar (Abou-Kassem) estaba en Internacional, Diego (Barcala) en actualidade e eu en infografía. O rollo era pola miña parte o deseño. Como dixen, quitar todo o ruído, facer pensar que estás nun sitio elegante. Agora explállome un pouco máis.

Líbero xurdiu falando… e por Panenka [risas]. Eu empecei facendo pósters sobre fútbol chamados ‘Palabra de futbolista’. Á miña moza díxenlle que quería colgar un póster de Cantona, que alá polo 2008/2009 dixera algo contra os bancos. É que Cantona é a hostia, dicíalle. Ela era do Deportivo pero non moi futboleira. Deixábame ver a Premier se lle deixaba probar cores de uñas. O primeiro partido de Premier deixábame, ao segundo xa… Entón quería colgar algo de Cantona e creeino eu. Gustoume o rollo de desmontar que os futbolistas son imbéciles, que todos son retrasados, e buscar futbolistas dende Pahiño ata Cantona. Frases pensadas, de denuncia social.

Aí empezou todo e vírono os de Panenka. Dixéronme que estaban montando o rollo e se quería formar parte. Pensei que era moi guai e fun a Barcelona. Cenando con eles, chegamos ó acordo dunha infografía e un ‘Palabra de futbolista’ ao mes. Empezaron a ir mal as cousas entre o director e eu… non quero falar moito pero mal.

Artur Galocha, nun momento da entrevista, xunto coa revista Líbero | Alejandro Gómez
Artur Galocha, nun momento da entrevista, xunto coa revista Líbero | Alejandro Gómez

E xusto cando sacamos o número 0 de Panenka, viñéronme Óscar e Diego. Non tiñamos moita relación daquela, eramos de diferentes seccións e me preguntaron se estaba metido aí. Dixéronme que tiñan unha idea dende facía moitísimo tempo e que cando me viron aí cagáranse na puta. Isto foi en 2011, que saíu Panenka. E comezamos a falar do de Líbero. Ao principio facía o deseño (Fernando) Rapa e eu ía facer infografías e ilustracións. Rapa ao final non podía, empezou con Mongolia e eu máis ou menos tiña unha idea do que quería que fose a revista.

Un día cheguei cunhas maquetas e a ver que lles parecían. Fixera revistas na carreira pero non traballara profesionalmente nisto. Molóulles e aí o sacamos. Pero todo empezou por querer decorar unha habitación.

P: Cara onde se encamiña Líbero?

R: Non o sei… cometemos a hostia de erros ó principio. Un deles foi dubidar se vivir diso ou non. Por iso a fixemos trimestral. Pensamos ‘mensual imos morrer’ e aínda por riba a impresión son cartos. Por publi éntrache pouquísimo, porque van ás mensuais, e despois non éramos empresarios. Aprendemos a base de erros. Se saíse agora faríao completamente diferente.

A revista vai sobrevivir porque temos unha dinámica e que facemos un bo produto sen morrer no intento. O deseño o fixen sinxelo a compás con Retina e é o que queremos transmitir dende aí. É sinxelo de facer para outro número, sen moito traballo. Vai seguir porque podemos pagarlle ben á xente, cada vez mellor e iso era un obxectivo ó principio. Nas ilustracións, que ao principio facíamolas meu irmán, Valiño e eu, agora séguenas facendo pero pagámosllas. Cada pouco fomos subindo a tarifa e ese é o obxectivo: pagar ben. Logo, se nós podemos sacar un pouquiño, sacamos, que tampouco é moito.

Diríache que Líbero tenderá ó audiovisual. Igual este ano vemos algo chulo. Eu teño as miñas dúbidas… Ou o fas igual de ben ou mellor que Robinson, ou non o fagas. Pero bueno, a Diego gústalle que vaia por aí. Pero a revista sempre vai estar. A min pásame que cando chega o momento de facela, dáme a hostia de pereza. Porque claro, fágoa na miña casa e cando saio de traballar. Pero leo a primeira historia e digo ‘hostia, que guai, estamos sacando isto’. Cúraseme cando vexo o número, o toco. Penso que paga a pena o que estamos facendo.

A min gustaríame que medrase pero logo de sete anos, como non fagamos outra cousa, será difícil que medre como revista. Se empezamos a diversificar, co audiovisual, si que podería ter outra vida, máis ao dixital. Pero aí é difícil sacar cartos e aínda por riba os comerciais de publi son seres extraños cos que temos que convivir. Agora que estou en infografía véxoos menos, e menos mal. Se podemos sobrevivir como o facemos, con subscritores, a pouca publi que temos do Madrid e de a Quiniela, Copa que nos dan agasallos… se sobrevivimos con subscritores moito mellor. Vivir vai vivir, que podamos vivir diso xa non sei. Molaríame que tivese unha web moi potente e facer infografías aí. No País empezo a facelo, con datos de Opta e paréceme brutal. Divírtome a hostia e facelo en Líbero sería xenial.

P: Volto ó tema de Italia porque tócame de cheo. Vivín alí o ano pasado e sorprendeume sempre como tratan o tema da cultura futbolística. No papel, nas gradas…

R: A min tamén sorprendeume a hostia. Eu son un tipo ao que lle gusta o fútbol. Gústame máis o fútbol que o Deportivo. O romántico é dicir o contrario pero gústame así. A min gústame e aínda que eliminen… bueno, a min España nos Mundiais dáme un pouco igual, si que vivín máis esa etapa que xogaban como dios pero se eliminan a España dáme igual porque eu seguirei vendo o Mundial. Ademais considéroo como un torneo repositor da nostalxia. Se me falas do Mundial do 98 sei onde vin os goles da final.

Colecciono sempre os cromos, no 2018 acabeino. E en Italia sorprendéume a hostia, que cando os eliminaron en Brasil, o que vivín alí, acabouse todo. Incluso para redactores de deportes. De chegar alí polas tardes, prender a tele e que dixesen ‘pero que poñes? O Mundial acabou’. A final vímola solos nun bar. A eles móveos a súa paixón, o seu equipo, Italia. Pero non hai tanta paixón polo xogo en si, igual por iso están como están. Unha vez fixemos unha gráfica, era a hostia, unha liña de tempo dende os 90 que nacera a Champions e ata 2014 que foi cando estivemos. Vitorias nos campionatos europeos de equipos italianos. Despois do Calciopoli, nada. E encima, faíseme aburridísimo. O outro día puxen o Roma-Udinese, creo que era. Porque alí fíxenme da Roma. Creo que a camisola máis cara que teño é a de Totti, comprada alí. Unha reliquia.

Líbero xurdiu falando… e por Panenka. Empecei facendo pósters chamados ‘Palabra de futbolista’ porque quería colgar un de Cantona e vírono os de Panenka. E xusto cando sacamos o número 0, viñéronme Óscar Abou-Kassem e Diego Barcala coa idea de Líbero. Todo empezou por decorar unha habitación

A min molábame, cando ía coa camiseta, falar coa xente. Fomos Diego Quijano e mais eu, e fíxolle gracia o Sassuolo. O nome. Cando eu comprei a da Roma, el dixo que era do Sassuolo. Inda por riba tiñan a Zaza de dianteiro e el parécese a Zaza, calvo, con barba. Polo seu cumple regaleille unha do Sassuolo, xa que el é do Racing e seméllase nas cores. Entón íamos por Roma e flipaban. É coma se un tipo italiano vén a traballar a Marca e merca a camisola do Valladolid, cousa rara. Molábame as reaccións da xente cando nos vía por aí coas camisetas da Roma e do Sassuolo. Unha vez gañóulle o Sassuolo á Juve e por Roma case o collen en brazos. E logo os taxistas de Roma. De entrar a primeira vez e dicirlle ‘pensaba que no pararías por ir coa camiseta da Roma’ e responder ‘todos os taxistas de Roma somos da Roma’. Falar moito de fútbol, un vínculo. Cal era a pregunta?

P: Ía dicir que como viviras esa cultura nostálxica en Italia, se conseguiras empaparte de todo isto ou foras máis por traballo e logo desconectar de tanto fútbol alí.

R: Si, si, méteste a saco. Moloume o rollo de que morren polas cores. Culturalmente é incrible. E tamén pasoume en Arxentina. O vivín cando fun alí, porque teño familia, e podías falar con calquera co fútbol. Entrabas en calquera ambiente. Está guai o que move o fútbol. Iso é Líbero. Sempre atopo xente que di ‘a min non me gusta o fútbol’. Da igual, vaiche gustar. Porque son historias. A min pásame co Informe Robinson. Dame igual o badminton e sae Robinson e pápomo enteiro. É unha excusa para tirar do fío, incluso nas relacións sociais. Soltas aí ‘que, como vés ó Deportivo?’ e…

P: Xa adiantaches a seguinte. Este ano está tocando sufrir…

R: Son optimista e un pouco agarro o rollo de que estoupe todo para construír. Dáme moita envexa o Celta, tío. Discuto moito con Carretero, pola coña, e el si que é anti-Celta, anti-Celta. Un verdadeiro deportivista, como di. Para min non, porque os meus colegas grafiteiros eran do Celta. En Vigo hai un montón de rollo grafiteiro. A xente coa que eu xogaba facíamos cena de Navidad, chamábase o Rápido de Noviciados. Xa nin somos rápidos nin vivimos en Noviciados. A xentrificación botounos de alí. E eran todos do Celta. De feito, cando os eliminou o Alavés fixen unha broma polo grupo e se borraron uns cantos. Eu ía co Celta a morte, contra o United tamén. E ademáis viñan xogando moi ben. E cando caeron co Alavés puxen aí ‘Y solo hay, y solo hay’ [risas]. E saíronse tres. E era xente que non vía moi a miúdo e aínda fai pouco topei a un e pedínlle perdón [risas]. Foi polo chiste, estaba o cadáver quente.

Co Dépor pásame iso. Penso ‘que se vaian á 2ªB’… pero tampouco teño esperanza de que constrúan nada. Que fagan coma o Celta, de sacar rapaces da canteira. É cíclico e todos os anos pásame o mesmo. Empezo motivadísimo, trato de ver os partidos e ao terceiro… non hai identificación. Non hai un vínculo, non coñezo á metade da plantilla cada ano. Veñen todos cedidos, Jorge Mendes estará por aí aínda. Máis alá das cores, a historia, non hai nada. A miña esperanza, cando gastaron non sei canta pasta nos campos de Abegondo, é que empezasen por aí. Pero non o están facendo. Non me identifico con ninguén.

Eu son un tipo ao que lle gusta o fútbol. Gústame máis o fútbol que o Deportivo. O romántico é dicir o contrario pero gústame así

Logo do seu paso por Roma, o xornalista lucense embarcouse nos proxectos de deseño gráfico das revistas Líbero e Retina | Lucas Méndez
Logo do seu paso por Roma, o xornalista galego embarcouse nos proxectos das revistas Líbero e Retina | Lucas Méndez

P: Falando de identificación… algún equipo que te chame a atención en Madrid?

R: Raio Vallecano, claro. Fun socio un par de anos, quiteime cando baixaron á Segunda a última vez. O abono costábame 220 euros e xusto baixárono a 200 pero a liña 1 do metro non funcionaba, que era como ía eu ó campo, e quiteime aí. Pero do Raio a morte.

P: O tema Zozulya que che pareceu?

R: Pareceume brutal. Acórdome dun partido que fun a ver, creo que o primeiro que lle vin a Messi. En cuartos ou semifinais de Copa no Calderón, 2007 ou 2008. Recordo os insultos que oín nese partido: xente traxeada, nenos, xente nova… a unha tipa que ía cunha camisola do Barça ofrecéronlle unhas hostias ó seu mozo. Ao final os cambiaron de sitio. Vin cada cousa nos estadios, que por chamarlle nazi a un tipo, xa quitando se é nazi ou non, que é nazi, que pechen o estadio… E logo o xornalismo deportivo. É a hostia. Sale o Manu Carreño co Juanma Castaño rollo ‘Non se pode permitir’. Me cago en la puta. Non hai unha voz dentro do xornalismo deportivo masivo que diga ‘Estamos tolos’. Máis aló de que o tipo sexa nazi ou non. Co que se berrou aquí, e imos pechar por primeira vez por isto.

Fai pouco, Daniele Grasso colleu actas de fútbol dende os 2000, creo. Había 71 de insultos, solo 71 actas con insultos. Hai insultos racistas en todos os putos partidos. E non só. O dianteiro este do Betis, o machista este, Rubén Castro. Os berros aqueles, non se pechou daquela. Flipo un pouco. Máis do Raio e de Bukaneros ca nunca.

P: Voltando ó tema do deseño gráfico en relación co fútbol. Medraron as creacións de cartazes, da estética retro… como o vés?

R: A min mólanme moito. Pero ten moito de negocio porque a nostalxia é negocio. Pregúntalle a Netflix. A min, posme unha camiseta co logo de Nike que poña Nike e xa teño un vínculo aí. Molábame que voltase o balón Nike, o primeiro, o blanco, que o de Puma é feísimo. Agora o logo voso, que é o Tango. Ou o Etrusco. O Mikasa non me mola tanto porque eu lémbrome máis do Etrusco. Un veciño tíñao e era unha delicia, cun Mikasa non quero volver a xogar. Entón mólame moito, de negocio ten moito e a nostalxia cada vez volta antes. Ogallá volvese o Dépor dos 90 tamén [risas].

[Sobre a tempada do Dépor] Penso ‘que se vaian á 2ªB’… pero tampouco teño esperanza de que constrúan nada. Que fagan coma o Celta, de sacar rapaces da canteira. Todos os anos pásame o mesmo, empezo motivadísimo, trato de ver os partidos e ao terceiro… non hai identificación

P: Falando de iconos, os teus xogadores preferidos?

R: Cantona, Fowler. Os futbolistas que se mollan. Eu son do Liverpool dende que tiña 14 anos. Cousa rara pero por Fowler. Flipábame Fowler. Na mesma semana fixo o da raia, xogando contra o Everton e sacou unha camisola en apoio ós estibadores de Liverpool que estaban en folga. Tamén fixéronlle un penalti e fóra dicirlle ó árbitro que non era. Déronlle un premio Fair Play. Fran tamén me molou, Djalminha era a hostia…

P: Xa que vas sacando varios, e aproveitando o 11+6 que facedes en Líbero, anímaste co teu?

R: Mira que nunca o pensei, maqueto o 11+6 e nunca o pensara… Porteiro direi Liaño. Centrales, hostia que jodido. Molábame moito Stam, do Manchester United, non sei porque me viu agora á cabeza. É jodida, eh. Vou a poñer a Beckenbauer de líbero, por recuperar a posición. A Nacho de lateral esquerdo, dereito non hai moito. Sempre me pareceu un posto jodido… Un brasileño non. Algún galego…

P: Míchel ou Hugo Mallo [risas]

Nada, nada. Que conste que Hugo Mallo me mola como xoga. Recordo ben a historia aquela da pancarta no bus a Riazor e iso faime moita gracia, non me jodeu. O pique sano mola, jode cando non é sano. Veña, pon a Hugo (risas).

P: Non, non, o 11 é teu [risas]

Si, va. No medio a Mauro Silva, sempre. Djalminha que xogue onde queira. Recordo un gol contra o Celta, que a controlou así e a puxo onde quixo. Recordo estar vendo o partido cun colega nun bar e saliu dende o banquillo. Estaba cun colega de Ribeira que tamén era do Dépor e nos saltou un señor dicindo que aínda nos ía salvar o partido. Celebrámolo con gusto diante do señor [risas].

A Cantona, tamén onde queira. A Bebeto, Fowler, a Fran… xa estaría, non? Entrenador Arsenio Iglesias. Déume moita pena cando se foi ó Madrid, foi unha mala decisión. Estadio de Vallecas, estadio de merda, un frío de pelotas pero encántame tío. Molábame moito ir en Arxentina ó fútbol porque recordábame a Vallecas. Estructura de formigón, grada e listo. O bar… gústame velo na casa con colegas. Que máis hai?

O particular 11+6 de Artur Galocha... todos ó ataque!
O particular 11+6 de Artur Galocha… todos ó ataque!

P: Camiseta, himno e presi. Ollo ó presi.

R: O presi ningún. Nin Lendoiro, tío. É gracioso, coma personaxe cojonudo. O das cenas maratonianas guai pero os presis todo mal. Non se salva ningún. Camiseta é que me flipan as camisetas de fútbol e dáme unha envexa Carretero… Sempre que vai por aí merca e restrega unha.

A miña colección é a pequena escala. A última, das que máis me molou sempre, a de Newell’s. Ese rollo anarquista do vermello e o negro. A miña familia é de Rosario e é de Rosario Central, e eu cheguei alí dicindo que ía ver a Newell’s. ‘Como vas ver iso?’, dixeron. O Tata Martino, Messi, Maradona, Bielsa… O himno, You’ll Never Walk Alone. Non vou dicir Y digo Deportivo porque vaia vergoña de himno [risas].

P: Rematamos cun test rapidiño:

Amais de Fariña, o traballo feito do que te sintas máis orgulloso.

R: Líbero como producto sólido, como algo que leva sete anos, penso en cambialo pero é bo. Sempre penso en modificalo, facelo máis pequeniño, facilitar a lectura pero é do que máis orgulloso me sinto porque aguanta e embellece guai.

Un encontro que che molara.

R: Paseino moi ben no Depor-Valencia no que baixamos. Con Adrián e Luque… era Luque? Como se chamaba este que levaba as patillas así… Baixamos e paseino moi ben. Estaba ca miña ex moza agora e teño unha papelera que rompín dunha hostia e aínda a conservo para recordar ese partido. Son do Dépor dende o penalti de Djukic.

Fíxenme dos equipos que as pasan putas. Do Raio, subindo e baixando, que nunca chegarán a nada. E ese partido desfruteino. E logo, por xogo, algún da Selección Española e do Barça, de desfrutar de ‘joder, que puta maravilla’. Ese do Dépor debeu ser en 2011, na última xornada e foi onde mellor o pasei.

O teu lugar preferido en Galicia.

R: Creo que Santiago pero gústame moito estar en Meira. Estou pouco, na casa dos meus avós. Veña, direi Meira nas festas do quince.

O teu prato de comida preferido.

R: O caldo. E o fago moi ben. O ano pasado fixen un caldo para a miña avoa, quedóuseume así e díxome: ‘Sáeche mellor ca min’. Xa está [risas].

Un libro que recomendes.

R: Cabalos e lobos de Fran Lorenzo. Foi o meu primeiro xefe en El Correo Gallego. Fixo unha novela, gañou o Premio Xerais e encántame a novela e el é un tipo top. O meu primeiro xefe.

Sabemos que es moi de vinilos, algún en particular?

R: Donuts, de JDilla. É a hostia, todo sampleos. O mellor disco de rap e da historia, eu creo.

Deseñadores aos que sigues, nos que te fixas.

R: Agora, Matt Willey que estivo no New York Times e fichou por Pentagram. Top do deseño. Diego Areso, que foi meu xefe ata foi pouco, e é o director de arte de El País e dos que máis aprendín. Óscar Germade está facendo cousas moi guapas en Vogue, Álvaro Valliño é brutal todo o que fai, Samuel Granados todo en infografía increíble e Diego Quijano, que é meu colega e co que fago as cousas. Cando se me atasca algunha portada, ‘Oye, que piensas’, dígolle. ‘Puta mierda’. E volvo a empezar todo.

A últimísima. A raíz dunha entrevista con Gonzo faloume dun partido ficcionado dos seus soños: un Celta – Dépor de final de Copa de Europa…

R: Estaba pensando nese mentres falabas. Gustaríame, pero ía pasalo fatal. Apagaría o móvil fixo. Pero veña, cambiaría o Celta polo Compos [risas]. E aí non sabería a quen animar. Igual iría co Compos, eh.

 

 

Tamén podería interesarche… JORGE LAWERTA: «Pintar la lona de la Copa fue histórico, como vestirse de corto»

¿Te ha gustado? Nos ayudaría mucho que lo compartieras